Miles de millóns de planetas en zonas de habitabilidade da Vía Láctea

As estrelas ananas vermellas da Vía Láctea teñen miles de millóns de planetas rochosos pouco máis grandes que a Terra nas súas zonas de habitabilidade. Son as estimacións dun equipo de investigadores liderados dende o Observatorio de Ciencias do Universo de Grenoble (Francia).

Dado que existen numerosas estrelas ananas vermellas próximas ao Sol, a nova estimación implica que, probablemente, na veciñanza do Sistema Solar, a distancias menores de 30 anos luz, pode haber da orde de cen super-terras nas zonas de habitabilidade destas estrelas.
Un dos planetas descubertos na sondaxe de ananas vermellas de HARPS é Gliese 667 Cc. É o segundo planeta deste sistema triplo estelar e parece estar situado preto do centro da zona de habitabilidade. Malia que este planeta é máis de catro veces máis pesado que a Terra, é o máis parecido ao noso planeta dos encontrados ata o momento, e case con total seguridade conta coas condicións axeitadas para a existencia de auga líquida na súa superficie.
Trátase da segunda super-terra dentro da zona de habitabilidade dunha anana vermella descuberta durante esta sondaxe de HARPS, tras o anuncio do descubrimento en 2007 de Gliese 581d e a súa posterior confirmación no ano 2009.

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta